Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

ÁNGELES GARRIDO E PEPE POTEL EXPOÑEN “A DÚAS MANS” NO AUDITORIO MUNICIPAL

- A mostra reúne, en total, unha vintena de obras, entre pinturas e debuxos

- O acto de inauguración terá lugar mañá ás 20:30 horas

04/12/2017

“A dúas mans”, as de Ángeles Garrido e Pepe Potel, é a exposición que pode verse ata o 31 de decembro no Auditorio Municipal. Unha vintena de obras forman parte da mostra, que se inaugura mañá ás 20:30. Pinturas paisaxísticas ao óleo, acrílicas ou con pigmentos as del, e debuxos figurativos e íntimos feitos con carbón os dela.

Pepe Potel e Ángeles Garrido comparten o taller que a asociación Adeval ten en Xanza, de aí que coñezan á perfección os traballos do doutro. “Estamos moi pendentes do que fai o outro, corrixímonos mutuamente, animánonos e aplaudímonos. Coñecemos a nosa obra moi a fondo”, apunta Potel. É o terceiro ano que exponen no Auditorio durante o mes de Nadal e veñen de participar durante todo novembro nunha exposición colectiva na sede da Asociación de Empresarios no Polígono do Tambre, en Santiago.

Hai máis de vinte anos que ambos apostaron por desenvolver a súa afección pola pintura. Potel leva un cuarto de século dándolle aos pinceis. “Comecei na Asociación de Arte e Cultura Galega, na que estiven durante uns anos e que me permitiu expoñer en moitos lugares aos que por min mesmo non podería chegar”, lembra. Despois, os dous compañeiros de taller centraron o seu traballo en promocionar a pintura en Valga e, en particular, a sala de exposicións do Auditorio. Ambos son profesores de pintura da asociación Adeval. Ángeles conta xa cunha traxectoria de quince anos como mestra, tanto neste colectivo como en actividades do Concello. “Hai interese pola pintura en Valga”, asegura. “Quizais porque algúns pais volcan as súas ganas de pintar nos seus fillos”. Tamén imparte clases a maiores, que “din que quen lles dera ter aprendido a pintar de pequenos”.

Lonxe de falsas modestias, Pepe Potel remarca o traballo realizado por el e a súa compañeira no que á promoción da pintura en Valga se refire. “Grazas a nós hoxe en día quen quere pintar pode facelo, dá igual a idade. Cando eu comecei, tiven que buscar un profesor en Vigo, en Valga non había”. Ademais, avoga por desterrar o mito de que a pintura só é para uns poucos elixidos. “Non é así. A quen lle guste, pode pintar, xa o faga mellor ou peor”. Coincide con el Ángeles Garrido, que entende a pintura “como unha forma de expresión” e “ninguén é quen de dicirlle a outro se o que fai está ben ou mal”.

Os dous artistas valgueses están inmersos noutros proxectos ao marxe da exposición “A dúas mans”. Traballan nunha serie de retratos de personaxes de Valga, queren promocionar a pintura ao natural con saídas a distintos lugares do municipio e retomar a súa actividade expositiva por toda Galicia. “Botamos anos expoñendo por toda a comunidade”, explica Potel, “pero deixámolo un pouco de lado cando se montou a sala do Auditorio, xa que nos centramos máis en promocionala e darlle actividade”.