Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

O GRUPO DE GOBERNO APROBA UNS ORZAMENTOS DE 5,4 MILLÓNS “BENEFICIOSOS PARA VALGA E OS SEUS VECIÑOS”

- O concelleiro de Contas, José Ángel Souto, destaca que se destinan á loita contra o desemprego 845.000 euros e que o paro ten baixado dende o comezo da lexislatura en máis de 200 persoas

 
- Dos 590.000 euros que se reservan para Cultura, máis de 140.000 son para a Escola de Música
05/12/2017
O grupo de goberno aprobou onte en solitario uns orzamentos de 5.447.194 euros para o exercicio 2018 e que, en palabras do alcalde, José María Bello Maneiro, son “axustados” ás necesidades de Valga. O concelleiro de Economía, Facenda e Contas, José Ángel Souto, salientou no capítulo de gastos dous grandes grupos: os servizos básicos e inversións, que supoñen o 40% do total, e os servizos sociais, que chegan ao 46%. O restante 14% corresponde á administración xeral e outros gastos.
 
O anexo de inversións, que suma 1.122.770 euros, recolle partidas para a dotación e ampliación de servizos básicos como o abastecemento de augas ou saneamento, así como a recollida de basuras, en concreto para a adquisición de novos colectores e o mantemento e limpeza dos xa existentes. Medidas de aforro enerxético e mellora do alumeado público, o mantemento de parques, xardíns, espazos naturais e  mobiliario público, así como actuacións en viais e camiños e novas dotacións nas instalacións deportivas municipais son outras das partidas. O Centro de Interpretación da Caña do País, equipamento para os recintos culturais e o Museo da Historia, o Edificio Administrativo e a promoción e conservación do patrimonio local son actuacións para as que tamén se provén fondos.
 
No tocante aos servizos sociais, o orzamento reserva 587.000 euros para a asistencia primaria, que inclúe a axuda a domicilio, o Centro de Información Á Muller e o CODI. Hai que salientar que, por terceiro ano consecutivo, o Concello volve a asumir de xeito íntegro a financiación do Centro Ocupacional para discapacitados, como ven facendo dende que no ano 2015 a Deputación lle retirou a axuda. O goberno local entende que este é “un servizo necesario para atención e axuda a persoas con discapacidade non só de Valga, senón tamén doutras localidades limítrofes. É un servizo no que cremos a pesar de que o PSOE e o BNG na Deputación non o respalden”. Tamén relacionado coa discapacidade, o Concello prestará durante o ano 2018 arredor de 25.500 horas de servizo de axuda a domicilio para persoas que teñen recoñecido algún grao de dependencia, logo de que no pasado mes de setembro se incrementara este servizo nun total de 4.385 horas anuais.
 
Ao fomento do emprego o Concello destinará en 2018 un total de 845.000 euros. Continúase coas subvencións á contratación de parados do municipio, unha iniciativa que o Concello puxo en marcha hai anos para loitar contra o paro. Outras das partidas vencelladas ao emprego destinarase á contratación de bolseiros por parte da administración local, cursos e actividades formativas, o plan de formación dual ou ao obradoiro de Emprego Ulla-Umia II que xa está en marcha. O Concelleiro José Ángel Souto destacou una súa intervención que a comezos desta lexislatura, en xuño de 2015, estaban no paro 603 veciños de Valga (o 16,5% da poboación activa), unha cifra que baixou progresivamente ata os 400 desempregados rexistrados en outubro deste ano. Esta cifra representa o 10,5% da poboación activa, por debaixo da media, que se sitúa no 16,38%. “O Concello de Valga destina 97,85 euros por habitante á loita contra o desemprego, cando a media española é de 66,15 euros. E continuaremos loitando e traballando para que o número de parados siga baixando”, ratificou o responsable de Economía e Contas.
 
Por último, Souto Jamardo explicou que se incrementan un 28% con respecto a 2017 os fondos para Educación, Cultura e Deportes, que suman en total 1.086.000 euros. Deles, máis da metade, 590.000 euros, destínanse á cultura destacando os máis de 140.000 euros para Escola Municipal de Música, entre xestión, gastos correntes, mantemento das instalacións e adquisición de instrumental. Ademais, as comisión de festas de Valga que contraten á Banda de Música Municipal serán subvencionadas con 300 euros a maiores das cuantías que poidan percibir por outros conceptos.
 
Son uns orzamentos, concluíu o concelleiro, que “reparten os cartos concienciudamente para beneficio dos veciños”. O alcalde, José María Bello Maneiro, engadiu que o orzamento “conta cos informes favorables de secretaría e intervención e está plenamente adaptado ás necesidades e á realidade de Valga”. Destacou, ademais, que Valga é un dos concellos cos impostos máis baixos de toda a provincia.
 
Os orzamentos quedaron aprobados inicialmente só cos votos favorables do grupo de goberno. Os concelleiros socialistas marcharon do Pleno mentras estaba a intervir o concelleiro de Facenda, sen acabar de escoitar as explicacións que eles mesmos lle pediran. “Quedou á vista, como de costume, a falta de respecto da portavoz socialista, con constantes interrupcións durante as intervencións dos membros do goberno”, afirma o alcalde. "Ante a súa incapacidade para defender uns orzamentos ante o concelleiro de Contas, adicouse a descalificar ao goberno e aos funcionarios do Concello coas súas manifestacións. O seu único fin, coma de costume, é ir ao xulgado a denunciar ao PP. É ao único que lle adican tempo para intentar entorpecer e enredar a labor do goberno, pero os veciños de Valga son o suficientemente intelixentes para saber quen traballa para eles e quen non”, engade Bello Maneiro. “Deberían adicarlle un pouco máis de tempo a estudar os orzamentos, que nin sequera entraron a debatir no pleno”.
 
Antes da sesión extraordinaria na que se debatiron os orzamentos, celebrouse un pleno ordinario no que se aprobaron por unanimidade a ordenanza municipal reguladora da expedición de tarxetas de estacionamento para persoas con discapacidade, a delegación no ORAL da recadación executiva de varios ingresos de dereito público e unha moción do grupo municipal do PP sobre a adhesión ao protocolo xeral de actuación entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias para fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia mediante a creación da iniciativa "Concellos doing business Galicia".
 
No tocante á moción presentada polo grupo socialista sobre mellora da seguridade vial na estrada N-550 e a anulación do proxecto da Variante, o concelleiro de Obras, Servizos e Urbanismo, Román Castro pediu aos socialistas que separasen ambas cuestión. “Si a seguridade vial e si á Variante”, dixo o edil, explicando que o Concello leva anos solicitando ao Ministerio de Fomento melloras na seguridade na N-550, como por exemplo, máis pasos de peóns, sinais semafóricas e melloras nas beirarrúas. “Lévase pelexado moito pola seguridade vial e tense mellorado moito nos últimos anos. Sen ir máis lonxe, Valga conta con beirarrúas na N-550 dende o límite con Pontecesures e ata a Medela, cando outros municipios non as teñen”. O grupo de goberno amosouse disposto a apoiar a moción neste aspecto, pero non no referido á Variante. “Valga non ten que ser un pobo illado, ten que ser un pobo con fácil acceso e saída para que a poboación se asente e merque pisos sabendo que en apenas 30 minutos pode chegar a Santiago. Meter miles de coches polo medio do pobo non axuda”, concluíu Román Castro.